Thursday 02 de May de 2024

Inés Rey destaca o compromiso da Universidade e de Emalcsa coa sustentabilidade e a xestión da auga


A alcaldesa inaugurou xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, as primeiras xornadas organizadas pola Cátedra Emalcsa-UDC

Inés Rey asistiu esta mañá xunto ao reitor da Universidade, Xulio Abalde, á inauguración das primeiras xornadas organizadas pola Cátedra Emalcsa-UDC que, baixo o título “Retos da xestión de augas pluviais mediante Sistema Urbano de Drenaxe Sustentable (SUDS)”, analizará a necesidade de facer un correcto tratamento das augas da choiva.
A alcaldesa destacou o compromiso de Emalcsa e da Universidade coa sustentabilidade da cidade e o seu labor de investigación na xestión do sistema de augas da Coruña. “E no contexto do cambio climático, onde a investigación e o estudo da cátedra Emalcsa e a cooperación entre administracións resulta fundamental, tendo presente o aforismo de que non herdamos os recursos naturais dos nosos devanceiros, senón que os recibimos en préstamo dos nosos fillos”, sinalou.
A cátedra Emalcsa-UDC é un marco de traballo entre as dúas administracións públicas que busca novas metodoloxías estratexias na xestión no sistema de auga urbano desde a visión da sustentabilidade que se marca o concello.
“Ambas as administracións públicas co seu traballo entorno á cátedra Emalcsa lémbrannos que a auga é un ben común, e que temos que manter o noso compromiso coa Axenda 2030 da ONU, coa que encetamos un futuro de sustentabilidade”, sinalou a rexedora.
Para Inés Rey, ambas as institucións teñen un papel fundamental na xestión da

auga. “Xestionar a demanda, que sexa pública, temos unha Universidade e unha

empresa municipal. Investiguemos, sexamos proactivos”, demandou durante a súa

intervención.

No acto tamén participaron Jaime Castiñeira, director de Emalcsa, e Xoaquín

Suárez, director da Cátedra.